Wednesday 15 de May de 2024

O Concello da Pobra é distinguido co selo de Turismo Inclusivo no Sector Pesqueiro


A Asociación Amicos e Fundamar presentaron no 19 de xullo os resultados do proxecto Mar de Amicos e as rutas de turismo inclusivo e accesible polo patrimonio pesqueiro do Barbanza.

Precisamente, a área do Turismo do Concello da Pobra do Caramiñal resultou distinguida con este selo que recoñece o labor de institucións e entidades por dar a coñece-lo noso litoral dun xeito integrador. No caso da Administración local pobrense enxalzáronse os obradoiros de turismo mariñeiro que promove en colaboración coa asociación Mar da Pobra, tamén recoñecida co selo no ámbito do tecido asociativo. A concelleira Estefanía Ramos foi a encargada de recoller esta distinción que xa loce na oficina do turismo pobrense (Casa Mariñeira), atendida polas técnicas municipais desta área.

No vindeiro mes de agosto terán lugar dúas xornadas de turismo mariñeiro inclusivo e accesible guiadas por unha persoa integrante de Amicos: días 1 e 29. Seguirase a dinámica habitual, polo cal se ofrecerá unha charla introdutoria nas inmediacións do parque do Castelo para, posteriormente, vivi-la experiencia coas mariscadoras na praia dos Areos.